A memoria na lembranza

No ano1979 Marcelino de Santiago (Kukas) e Isabel Rei Pousada crean en Santiago de Compostela a primeira compañía de teatro con marionetas de Galicia da época actual.

Nestas tres décadas a traxectoria de OS MONICREQUES DE KUKAS  evolucionou dende as representacións na rúa e case que sen teatriño cos seus fantoches de luva ata amosar os seus espectáculos de grande formato e con marionetas de complicados mecanismos de creación propia en importantes escenarios coma o Auditorio de Galicia, Pazo de Congresos de Santiago ou o Teatro Arriaga de Bilbao, Jovellanos de Xixón, Pazo de Congresos de Pontevedra, García Barbón de Vigo ou Rosalía de Castro de A Coruña, entre outros; e os seus fundadores asistiron con orgullo o proceso de como o seu propio nome, monicreques, pasou de ser un sinónimo máis, e por certo non o máis utilizado a principios dos anos oitenta ata ser case que o único termo empregado hoxe en día en Galiza para definir ós fantoches, marionetas, monifates, marionetas, etcétera.

O seu traballo presenta varias etapas:

1979-1989         

  • Dan a coñecer e asentan o teatro de marionetas en Galicia tralo baleiro deixado popularmente pola desaparición de Barriga Verde e recuperan ó tempo o espírito das Misións Pedagóxicas dos anos 30 levando os fantoches a tódolos currunchos da xeografía galega.
  • Representan espectáculos en galego contribuíndo á normalización da lingua galega,especialmente entre o público infantil.
  • Crean espectáculos didácticos, non violentos e de participación como Pirula do Vertedeiro, O Peluquillas Langarillas, Maisguarrita Phacher...

1990-1999

  • Contribúen á dignificación do teatro de marionetas en Galicia.
  • Crean espectáculos dirixidos a tódolos públicos e achegan o teatro de marionetas ó público xuvenil e adulto, tratando temas e argumentos que interesen ó maior espectro de espectadores.
  • Investigan na creación e construción de novos prototipos de marionetas que conxugan diferentes técnicas de manipulación que permiten montar espectáculos de gran formato.
  • Diversifican as actividades da cía. e manteñen un equipo artístico e técnico estable realizando servizos profesionais como escenografías, atrezzos, máscaras, marionetas ou carteis para outras empresas teatrais e institucións públicas ou privadas.
  • Promoven o teatro de marionetas tanto fora como dentro de Galicia con exposicións, publicacións de textos e unidades didácticas, catálogos,gravacións para a televisión, conferencias ou cursos de iniciación para nenos, mestres ou de especialización para profesionais.
  • Colaboran con institucións como o Centro Dramático Galego ou IGAEM - Xunta de Galicia na creación de espectáculos de gran formato como O Mariscal ou Unha noite no Pórtico do Paraíso.

A partires do 2000

  • Ademais de manter vixente a liña de traballo iniciada na década anterior, nesta 3ª década que se iniciou a partires da celebración do XX Aniversario compañía vai afondar tamén nos seguintes aspectos:
  • Colaboración con institucións como a Real Filharmonía de Galicia, Auditorio de Galicia e Consorcio de Compostela na creación de espectáculos musicais.
  • Continúan a súa colaboración con institucións galegas como o IGAEM para producir espectáculos de grande formato e inician a
  • colaboración con entidades de carácter estatal como a Sociedade Estatal de Conmemoracións Artísticas.
  • Afondan na manipulación de obxectos e na simplificación estilística das marionetas.
  • Crean espectáculos que combinen a pantomima, o clown, o actor coa manipulación de marionetas, sombras ou obxectos.

Nestas tres décadas de existencia teñen producido 40 montaxes teatrais, entre espectáculos de teatro de marionetas, ruadas e teatro de actor, en coprodución con outras compañías 10 espectáculos de teatro de marionetas e ruadas.

No ano 1994 son invitados polo CDG-IGAEM  para montar  O Mariscal,  primeiro espectáculo de marionetas producido por estas institucións teatrais.

No ano 1995 o Parque Temático do Pobos de España de Kintsetsu en Xapón encárgalles 6 marionetas cos seus orixinais mecanismos para a súa exposición permanente.

No ano 1997 son invitados pola CONSELLERÍA DE CULTURA e o IGAEM para crear Unha noite no Pórtico do Paraíso, un espectáculo sobre a Galicia Medieval complementario á Exposición de Escultura Románica e Gótica, celebrada na Catedral de Ourense.

Neste mesmo ano 1997 o director da compañía, Marcelino de Santiago  é homenaxeado polo Centro de Documentación de Títeres de Bilbao polo seu traballo e o da compañía no mundo do teatro de bonecos.

No ano 1999 a compañía celebra o seu XX aniversario cunha Exposición antolóxica no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago e a edición dunha unidade didáctica e un catálogo recordatorio do traballo realizado pola compañía nos primeiros vinte anos de existencia coa colaboración do IGAEM e do Concello de Santiago.

        

Na temporada 2001 son invitados polo director Antoni Ros Marbá para montar coa Real Filarmonía de Galicia a ópera para marionetas O retablo de Maese Pedro de Manuel de Falla, primeira colaboración dunha compañía teatral galega na produción dun espectáculo con esta orquestra e que repoñen nos anos 2003 e 2004. O segundo espectáculo producido con esta orquestra é O Carnaval dos animais de C. Saint Saëns  estreado no ano 2003 baixo a dirección de Ros Marbá,  e no ano 2004estrean  A Cantata San Nicolás de Britten, dirixida por Maximino Zumalave.

No ano2004 e con motivo do seu 25 aniversario a compañíaé invitada polo IGAEM e o Xacobeo para producir Galiza Máxica un espectáculo para representar en prazas e espazos naturais baseado en lendas populares.

No ano 2006 son invitados pola Sociedade Estatal de Conmemoracións Culturais, dependente do Ministerio de Cultura para crear un espectáculo que recolla o espírito do Teatro de Fantoches das Misións Pedagóxicas da II República Española coa montaxe da obra A doncela Guerreirade Rafael Dieste.

AdxuntoTamaño
Os monicreques de kukas.pdf141.69 KB
Los monicreques de kukas.pdf88.49 KB